poesiagalega.org (ISSN 2340-440X) é o conxunto formado por unha base de datos e un repositorio dixital sobre a poesía galega dos séculos XIX, XX e XXI. Supón o resultado dun traballo colaborativo, en proceso desde 2009 e aberto ao público en xaneiro de 2011, destinado a servir de referencia para o estudo e investigación da poesía galega contemporánea no espazo cultural de seu e nas coordenadas das súas relacións interculturais e interliterarias.
Os documentos dispostos no repositorio, todos eles dixitalizados ex profeso, foron cedidos voluntariamente por autoras/es ou editoras/es tras a correspondente solicitude formal, obviada esta só se os textos figuraren incorporados a outros repositorios académicos ou arquivos similares.
A comezos de 2013, culminado o ciclo trianual do proxecto de investigación, abriuse unha nova xeira na que a produción e actualización de contidos do repositorio diminuíu debido á dispersión do equipo e á perda de postos de traballo asociada á crise económica, o cal nunca supuxo que o repositorio e base de datos perdesen operatividade ou funcionalidade ningunha.
Dous anos despois, en marzo de 2015 efectuouse unha actualización e optimización do sistema de buscas e dispúxose unha "Guía de uso" orientadora que permitirá obter o máximo rendemento a quen traballe coa base de datos.
No cadro seguinte ofrécense os datos relativos aos rexistros de distinta clase incorporados a poesiagalega.org até o día 17 de marzo de 2015:
| Datos a 17 marzo 2015 |
Rexistros de textos | 896 |
Rexistros de imaxes | 415 |
Rexistros de vídeos | 139 |
Rexistros de son | 135 |
Libros / Revistas dixitalizados | 70 |
Sector Axenda | 695 |
Sector Noticias | 263 |
Total de fichas | 2.613 |
|
|
Números de Revista de Poesía | 3 |
Dossieres | 4 (un deles con dúas edicións) |
Agradecementos
Na base de poesiagalega.org estivo o proxecto de investigación poesiagalega.org: Constitución e xestión dun repositorio dixital da poesía galega (séculos XIX-XXI) no campo cultural (09SEC022204PR), desenvolvido por un equipo interuniversitrio que no marco do Programa Sectorial de Investigación Aplicada da Xunta de Galicia obtivo financiamento público da Consellería de Economía e Industria para o período 2009-2012.
En relación co soporte técnico e coa continuidade de poesiagalega.org foron fundamentais asemade a axuda económica e a acollida do Consello da Cultura Galega no seu propio espazo web.
A iniciativa recibiu financiamento económico específico en 2011 do Grupo de Investigación Teoría da literatura e Literatura comparada da USC (GI-1371) para implementar novas potencialidades do arquivo/buscador. Neste caso os fondos procederon da Convocatoria de axudas do Programa de consolidación e estruturación de Unidades de Investigación Competitiva da Xunta de Galicia (convocatoria 2011).
Ademais das sinaladas, son numerosas as débedas contraídas con persoas, empresas e institucións que cederon textos e materiais audiovisuais, fotográficos ou doutra clase, e tamén proporcionaron ideas e suxestións. Pola súa implicación en facer máis operativo e potente o proxecto, o equipo desexa concretar a súa gratitude nas persoas de Manuel Gago, Manuel M. Barreiro e María J. Fernández, así como na Consultoría Tecnolóxica Dimensiona.
[17/03/2015]
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org