Homoerotismo e insurrección no quinto recital de Poetas Di(n)versos
En marcha dende o outono de 2009 e residente no coruñés Centro Ágora dende a súa nova etapa inaugurada o pasado ano, o único ciclo estable de Galicia con poetas galegos e internacionais chega á súa quinta sesión. A coidada programación poética promovida pola Concellería de Cultura acolle sempre a máis esixente calidade literaria pero á vez tamén a máis ampla diversidade a todos os niveis: no tocante a xéneros, procedencias, xeracións, linguas ou estilos.
Así, no recital do próximo luns 4 de febreiro ás 20:30h, o fío condutor que adoita unir a dous autores da poesía en galego e do resto do mundo, podería pasar por certas temáticas comúns ao monfortino Antón Lopo e o esloveno Brane Mozetič. Estas pasarían pola utilización do corpo e o desexo homoerótico como campo de acción política e sexual.
Antón Lopo é un dos máis sobranceiros xornalistas culturais do país, ademais de autor de poesía, novela, biografías, traducións e teatro. Mereceu galardóns coma o Esquío, o García Barros ou o Álvaro Cunqueiro, e no seu traballo poético mestura a escrita coa oralidade e a performance, producindo pezas de potente proxección escénica. Brane Mozetič naceu en Ljubljana, onde reside e traballa como coordinador editorial, tradutor, xestor cultural e director do ‘Centro para a promoción exterior da literatura eslovena’. Tamén editor de máis de cen autores/as de temática lgtb, e comisario do Festival de Cinema Gay-Lésbico da súa cidade dende hai máis de 20 anos, Mozetič é o máis importante activista gay do seu país, ademais de autor de trece poemarios e tres libros de narrativa, contando ata trinta obras propias publicadas -en tradución- no estranxeiro.
O recital, conducido pola directora do ciclo –a poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño- non excederá a duración dunha hora e contará unha vez máis con traducións ao galego realizadas para a ocasión. Será, tamén coma sempre, gratuíto e aberto a todo o público interesado, que ademais poderá aproveitar para adquirir exemplares dos autores convidados ou solicitarlles a súa sinatura.
[Nota de prensa facilitada pola organización do recital]
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org