Arquivo/Buscador
Ãndice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Hemeroteca 2010-2014 > Novas > Nova
Un final de etapa
[01/12/2012]
poesiagalega.org é unha iniciativa do GAAP que se materializou polo apoio inicial do Consello da Cultura Galega e pola obtención posterior de financiamento público a través dunha convocatoria da Xunta de Galicia (Programas Sectoriais de Investigación Aplicada: Sociedade e Cultura). O 4 de decembro de 2012 remata o ciclo trianual do proxecto de investigación vinculado e ábrese unha xeira nova na que a produción e actualización de contidos do repositorio dixital diminuirá sensibelmente por mor da dispersión do equipo, que nalgúns casos supuxo ademais a perda de postos de traballo.

O anterior non supón que o repositorio e base de datos deixen de estar operativos. Todas as ferramentas de procura e a totalidade de arquivos dispostos seguirán conservando plenamente as súas funcionalidades. A diferenza coa etapa anterior é que non se incrementarán contidos co ritmo que até agora se puido manter.

O proxecto poesiagalega.org tivo unha fase inicial de preparación, deseño técnico, probas e primeiros axustes que ocupou uns trece meses. A páxina web  publicouse a finais de xaneiro de 2011. Desde entón os contidos implementáronse de forma relevante, alcanzándose ao final do trienio as cifras que aparecen no cadro seguinte:

 

Datos a 1 decembro 2012

Rexistros de textos

879

Rexistros de imaxes

383

Rexistros de vídeos

109

Rexistros de son

104

Libros / Revistas dixitalizados

63

Sector Axenda

695

Sector Noticias

186

Total de fichas

2.419

 

 

Números de Revista de Poesía

3

Dossieres

4 (un deles con dúas edicións)

 

Cumpridos os tres anos de vixencia do proxecto, e non existindo posibilidades de concorrer a novas convocatorias dos Programas Sectoriais de Investigación Aplicada por estaren estas conxeladas como consecuencia da situación económica, resulta inviábel manter a unión do equipo e os niveis de produción  alcanzados. Fundamentáronse estes ante todo na posibilidade de contratar durante 18 meses unha persoa con formación filolóxica e en edición dixital. Ademais a dispoñibilidade de recursos permitiu cubrir unha serie de gastos orixinados pola localización, dixitalización e edición dos materiais de diverso tipo que se vincularon ao repositorio dixital e á base de datos correlativa.

Ambas as ferramentas —reitérase— seguirán dispoñíbeis no futuro inmediato neste mesmo lugar. En cambio, a partir do día 4 de decembro deixará de estar operativa a Axenda. Tampouco se prevé a saída de novos números da Revista de Poesía, da que se acaba de publicar a terceira entrega.

O equipo do proxecto e o GAAP agradecen novamente as axudas recibidas ao longo destes tres anos, detalladas xa na páxina de presentación do web en xaneiro de 2011 (www.poesiagalega.org/presentacion/). Así mesmo, renóvase o sincero agradecemento aos autores/as, editores/as, revistas, casas editoras e técnicos/as que neste tempo facilitaron o traballo do equipo.

 

 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org