O curso inaugurouse cunha conferencia na que Arturo Casas disertou acerca dos marcos teóricos nos que pode abordarse hoxe en día o estudo da literatura oral. Ás posibilidades da literatura oral en Internet dedicou unha boa parte da súa intervención Antonio Reigosa, impulsor de numerosos proxectos entre os que figura a enciclopedia virtual Galicia Encantada, quen presentou un exhaustivo catálogo de portais, páxinas web e outros recursos. Orixinal en canto ao enfoque resultou a conferencia impartida por Anxo Fernández Ocampo (Universidade de Vigo), que se centrou na escritura fotográfica e analizou, a partir do corpus formado polo material de Miro de Xanuco, unha reflexión acerca da evolución da fotografía e as súas funcións.
A perspectiva histórica en Hispanoamérica desde a óptica da colonización e o conseguinte enfrontamento entre as formas orais e a crónica foron tratadas por Eduardo Becerra (Universidad Autónoma de Madrid). Pola súa banda, Rogelio Rodríguez Coronel (Universidad de La Habana) achegouse á literatura yoruba cubana, ilustrando coa proxección dun documental elementos centrais da mitoloxía orisha, mentres que Margarita Vásques (Universidad de Panamá) tratou as manifestacións literarias da poboación kuna.
A orientación práctica do curso quedou patente nos talleres impartidos pola profesor Ana Acuña (Universidade de Vigo) e polo contacontos Celso Fernández Sanmartín. Mentres que a primeira traballou no ensino de técnicas para a fixación de materiais, con especial atencion a fórmulas poéticas como o romance ou a oracion, o segundo explorou diferentes posibilidades de narración oral baseándose, en boa medida, na experiencia adquirida na súa etapa como animador sociocultural nunha residencia de anciáns de Lalín.
O curso tiña previsto rematar cun recital do repentista cubano Alexis Díaz Pimenta, que tivo que ser suspendido por motivos de última hora relacionados co seu desprazamento.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org