Fai a proba! Hai 2.285 termos redactados a día de hoxe.
Clica no botón e despois na lapela "Termos" para acceder ao buscador. Escribe algún termo como os indicados (elipse, canción, farsa, hilozoísmo...) e selecciona "No termo" se queres ver o que sobre ese concepto recolle a Base de datos DiTerLi do Equipo Glifo (v. 2.0 de 2011). A BD está desenvolvida basicamente até a letra N, aínda que hai tamén entradas das letras posteriores.
Velaquí como exemplo o que se recolle na voz farsa. Os termos resaltados noutra cor corresponden a outras voces presentes na base de datos. Clicando neles, dentro da aplicación DiTerLi, vaise directamente ao concepto/voz en cuestión.
farsa [farsa] (lat. farcire, 'encher/reencher') Subxénero teatral breve de carácter cómico e burlesco que, ás veces, posúe tamén unha dimensión satírica de intención moralizante. Como revela a etimoloxía do termo, recibiron esta denominación pequenas obras de carácter xocoso e bufonesco que na Idade Media se intercalaban, xunto coas moralidades, no curso da representación dos dramas litúrxicos e dos misterios. A pesar de que son diversas as hipóteses ofrecidas para explicar a orixe deste tipo de obras, a meirande parte dos estudosos concordan en sinalar que foi o teatro francés do século XV, na súa indisociábel vertente profana e relixiosa, o contexto cultural e artístico no que callou o xénero. A carón deste vocábulo, noutras literaturas como a española, a italiana ou a alemana empregáronse tamén, aínda que con vacilacións, outras denominacións como entremés, égloga, auto, intermedio ou Fastnachtspiel para se referir a estas manifestacións teatrais que teñen nas atelanas e nas sátiras, nos mimos, no drama satírico e nas comedias de Aristófanes e de Plauto os seus antecedentes máis antigos. As farsas medievais, como formas teatrais da cultura popular, compúñanse de argumentos sinxelos. Neles acumulábanse episodios e situacións cómicas que buscaban provocar a risa inmediata dos espectadores acudindo a escenas e acontecementos grotescos, escatolóxicos e ridículos. Os personaxes que protagonizan estas historias organízanse arredor de dous eixes, burlador- burlado e respectado- satirizado, carecen dun desenvolvemento psicolóxico profundo e preséntanse como personaxes tipo que, ás veces, empregan máscaras, resultando sempre caricaturizados nas súas accións. A comicidade destas obras reside pois no ridículo e no absurdo das situacións, moitas delas relacionadas coa satisfacción dos desexos primarios, pero tamén co humor físico das pezas, coa comicidade visual, co ritmo rápido dos acontecementos, cos equívocos, cos travestismos paródicos e cos xogos de palabras e dobres sentidos intercalados nunha linguaxe heteroxénea, chea de vulgarismos, que mestura distintos rexistros e variantes. Os motivos temáticos e estruturais do burlador burlado, a infidelidade conxugal e o mundo ao revés foron recorrentes nestes argumentos que, de acordo co carácter profano do xénero, representaban historias próximas á realidade cotiá do público, pero dando entrada tamén, cunha considerábel marxe de liberdade, ao fantástico e ao imposíbel. Juan Guerrero Zamora (1961-1967) sinalou como esta liberdade da farsa na invención dos asuntos e no desenvolvemento da trama, distancia esta forma teatral do férreo principio da verosimilitude e concédelle así ao xénero unha forte conciencia teatral expresada a través de numerosas referencias metateatrais. A orixinaria flexibilidade da farsa é unha das razóns que explica, como apunta Montserrat Iglesias Santos (1995), a difícil codificación deste xénero ao longo da súa historia. Dende a Idade Media a farsa seguiuse a cultivar, se ben co paso do tempo a súa comicidade popular, sen barreiras, mudou cara a formas máis contidas como a denominada farsa de alcoba. A dialéctica entre a cotidianeidade e a fantasía é, segundo Eric Bentley (1964), un dos trazos característicos do xénero que permite introducir un sentimento de fatalidade, provocado pola coincidencia de feitos absurdos, que reflicte a falta de sentido da existencia explotando unha violencia tendente á agresión, que permite a catarse cómica do espectador. Autores como William Shakespeare, Molière, Miguel de Cervantes e Carlo Goldoni fixeron uso do código farsesco nas súas obras dotándoas dunha espontánea comicidade que no caso de dramaturgos como Jules Laforgue, Alfred Jarry, George Feyadeau, Luigi Pirandello, Eugene Ionesco, Jean Cocteau, Nikolái Gogol, Antón Chekhov, George Bernard Shaw, Fernand Crommelynck, Ramón María del Valle-Inclán e Federico García Lorca serviron para divertir ao espectador coa súa radical comicidade e tamén para salientar o absurdo do mundo a través da farsa tráxica que integra o cómico e o tráxico para denunciar unha realidade que carece de valores heroicos. O cinema primitivo, as películas de George Méliès e a interpretación de actores como Charles Chaplin ou Buster Keaton víronse influenciadas pola farsa, ademais do circo, do music-hall e do vodevil. Na literatura galega, Luís Seoane, Rafael Dieste e Euloxio Ruibal escribiron farsas recuperando o seu compoñente popular e explotando tamén o potencial do xénero como canle de denuncia radical da orde social. Voces relacionadas: astracán farsa atelana auto caricatura carnaval comedia Commedia dell'Arte entremés fabliau grotesco interludio misterio moralidade sátira sotie vodevil.
|
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org