Inicio > FAQ

Preguntas frecuentes

1. Que é poesiagalega.org?

poesiagalega.org é en orixe o nome abreviado do proxecto de investigación "poesiagalega.org: Constitución e xestión dun repositorio dixital da poesía galega (séculos XIX-XXI) no campo cultural" [09SEC022204PR; IP: Arturo Casas]. Por antonomasia, poesiagalega.org identifica esta web e a súa base de datos co propio repositorio asociado. No proxecto participaron trece investigadores/as vinculados con catro universidades: Santiago de Compostela (USC), A Coruña (UDC), Vigo (UVigo) e Barcelona (UB).

2. Que é o GAAP e quen son os responsábeis desta páxina?

GAAP son as siglas do Grupo Alea de Análise Poética, creado a comezos de 2009. Nun principio estivo configurado por dez investigadores/as que se fixaron o obxectivo de contribuír a dinamizar os estudos sobre materia poética achegando un discurso teórico-crítico renovado e plural. Do GAAP fan parte actualmente Iria Sobrino (Universidade da Coruña), Margarita García Candeira (Universidad de Huelva), Isaac Lourido (Universidade Nova de Lisboa) e tres membros máis vinculados coa USC, Arturo Casas, María Xesús Nogueira e Montserrat Pena. Os responsábeis iniciais da páxina foron os trece membros do proxecto de investigación. Para o apartado técnico e de xestión da edición contratouse a Laura Mariño, licenciada en Filoloxía e Máster en Lingua e Usos Profesionais pola UDC. Rematado o proxecto de investigación en decembro de 2012, Arturo Casas mantén funcións de coordinador-editor da base de datos e do repositorio dixital, para o cal contou temporalmente coa colaboración de Alba Cid, bolseira predoutoral na USC. 

3. É unha web de poesía ou sobre poesía?

Basicamente é unha web configurada como unha base de datos sobre a poesía no campo cultural galego ao longo dos últimos dous séculos. Preténdese documentar o discurso crítico, historiográfico e teórico-comparado sobre a poesía nese espazo sociocultural e institucional. Isto significa que a poesía entendida como “os textos poéticos” é un dos elementos principais documentados. Con todo, o repositorio é algo notabelmente distinto a un arquivo de libros de poemas. Documentáronse estes e as coleccións correspondentes, e fíxose o propio con gravacións audiovisuais de poesía tradicional ou experimental, revistas de poesía e publicacións similares, cando o permitiron as condicións sobre dereitos e cando o aconsellaron outras circunstancias, pero esta nunca foi unha prioridade do proxecto.

4. Que contidos centrais se poden atopar en poesiagalega.org?

En principio, canto teña a ver coa poesía no campo cultural galego durante os últimos douscentos anos: reprodución de traballos críticos, limiares, recensións, capítulos de historias da literatura, cartas, poéticas de autor... Tamén se incorpora información e documentación sobre tradución, relacións interartísticas, o factor institucional, o mercado do libro, a lectura de poesía e as súas coleccións, as antoloxías... O repositorio configura ademais un arquivo de producións videográficas, sonoras e fotográficas, sempre orientadas á documentación do obxectivo central do proxecto.

5. Que contidos complementarios podo atopar en poesiagalega.org?

A web incluíu até decembro de 2012 unha axenda referida a eventos que teñen relación coa poesía. A axenda foi desactivada a partir de xaneiro de 2013, se ben os seus cometidos foron asimilados cos propios da sección de novidades, activa até febreiro de 2014. A web ofrece ademais contidos agrupados en forma de dossieres constituídos por documentación previamente incorporada ao repositorio. Un sector autónomo dentro da web foi Revista de Poesía, cuxo consello de redacción estivo formado por cinco integrantes do GAAP: Montserrat Pena, Margarita García Candeira, María López Sández, María do Cebreiro Rábade e Arturo Casas. RdP tirou tres números durante a fase activa do proxecto.

6. Como se dispón a información?

poesiagalega.org é un arquivo dixital no que a información está sistematizada en forma de base de datos. Isto favorece a localización e dispoñibilidade do conxunto dos documentos arquivados (o repositorio). Concretáronse unha serie de campos e subcampos de natureza empírica e asociáronse a eles, segundo correspondeu en cada caso, os rexistros da base de datos (textos críticos, cartas, fotografías, gravacións de son…). Os buscadores internos favorecen o aproveitamento óptimo desa información por parte de cada usuario/a, que dispón a tal fin dunha guía de uso accesíbel desde a lapela do arquivo/buscador.

7. Como usar a base de datos?

O acceso á información do repositorio de documentos arquivados faise a través dun buscador que incorpora diferentes modalidades de ingreso. Pódese realizar unha busca libre introducindo unha palabra ou proposición que será rastreada nas fichas de catalogación dos recursos e tamén nos contidos anexos cando se trate de textos ou publicacións dixitalizadas. Existen asemade outras modalidades que achegan filtros para perfilar mellor a localización dos contidos que interesan. Todas elas aparecen exemplificadas na guía de uso fornecida co arquivo/buscador.

8. Como se presentan os textos do repositorio?

Os textos do repositorio prepáranse cun programa de edición profesional e ofrécense aos usuarios en pdf. A edición conserva plena entidade documental por canto cada arquivo de texto facilita a paxinación da publicación orixinal. Cando non foi posíbel o acceso a copias electrónicas orixinais procedeuse ao escaneado da publicación. Noutros casos traballouse con arquivos electrónicos facilitados polos autores ou editores. Este mesmo é o criterio fundamental aplicado á documentación fotográfica ou audiovisual, que nalgúns casos esixiu tamén a dixitalización previa de materiais.

9. De onde proceden os materiais de poesiagalega.org?

Do traballo de documentación e análise emprendido polo equipo do proxecto. Trátase dun labor fundamentado na planificación previa sobre a clase de información requirida para cumprir cos obxectivos trazados. Bibliotecas, hemerotecas e arquivos, tanto institucionais como persoais, son as fontes básicas empregadas para localizar a información e proceder posteriormente a editala e sistematizala na base de datos. Doutra parte, a incorporación ao repositorio de materiais inéditos constituíu sempre unha posibilidade aberta e en uso.

10. Como se actualiza poesiagalega.org?

O equipo do proxecto estabeleceu unha serie de prioridades e atendeu así mesmo a actualidade e as continxencias da vida cultural galega e da renovación da lectura teórico-crítica sobre a poesía nun marco global. A actualización é permanente desde o primeiro momento e segue a selo mesmo tras a fase de execución do proxecto de investigación mencionado.

11. A quen se dirixe poesiagalega.org?

O proxecto asume unha proxección social que constitúe un sinal de identidade como tarefa colaborativa. De entrada, o acceso libre ao repositorio presta un servizo evidente a sectores da sociedade sen dispoñibilidade para frecuentaren arquivos e bibliotecas. Pensouse así mesmo no ensino medio: en facilitarmos o labor documental e didáctico a docentes e alumnado. Tamén nas comunidades galegas na emigración. E, noutro plano, nos especialistas que desenvolven a súa investigación en universidades estranxeiras e experimentan dificuldades para efectuar determinadas consultas referidas ao campo dos Estudos Galegos.

12. Pódense usar libremente os materiais dispostos en poesiagalega.org?

A dispoñibilidade é libre e plena, sen máis restrición que indicar cando corresponda a autoría e procedencia primaria e secundaria dos materiais cos que se traballe. Para cando se desexe citar algún texto do repositorio, cada documento facilita o xeito bibliográfico apropiado de ofrecer esa información. O usuario/a elixirá entre as dúas formas básicas de cita e poderá facelo copiando e pegando o identificador bibliográfico do documento.

 

[Última revisión: 17/03/2015]

 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org