Nesta conferencia, Anxo Angueira reflexiona sobre o papel da lingua galega no proceso de construción nacional. Dende Sarmiento ata Xosé Luís Méndez Ferrín, a cada flexión histórica correspondería unha obra literaria.
Para o estudoso, a primeira declaración de independencia estaría no prólogo de Rosalía a Cantares gallegos, onde o proceso de recuperación da dignidade nacional xira arredor do pobo, da terra e da lingua. Antecedentes foran Sarmiento, Xoán Manuel Pintos, Francisco Añón e Antonio Fernández Morales e continuadores Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez (o primeiro como inaugurador da poesía política nun galego épico e o segundo como retratista do sistema político literario galego).
As seguintes flexións históricas estarían, primeiro, na fundación das Irmandades da Fala da Coruña (co contributo conservador de Vicente Risco) e, máis tarde, na Xeración Nós coa obra Arredor de si. Manuel Antonio sería pioneiro no intento de intervención no sistema literario, na modificación do seu repertorio e fixación ao excluír o hibridismo lingüístico e apuntar como horizonte político a República Galega independente. As flexións que arribaron a continuación terían proxección literaria na narrativa con Gonzalo Rodríguez Mourullo e Méndez Ferrín.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org