O "obsesivo estado de ánimo" chamado "negra sombra" obedece para Gamallo Fierros a unha confluencia de causas. Concorda este crítico coas varias interpretacións que se deron do símbolo, e achega unha propia: a "negra sombra" é a figura física ou a aura fantasmal do pai de Rosalía, Martínez Vioño, sumada ao sentimento de abandono provocado pola constatación documental de ser rexistrada como filla de "pais incógnitos". Chega a esta conclusión tras a pescuda biográfica rosaliá a través de documentos dispoñibles entre 1946 e 1975, período no que leva disertando e escribindo sobre este asunto. Destaca como texto clave o poema de Follas novas "San Lourenzo". Deixa claro Gamallo Fierros que esta tese xa foi adiantada en 1920 por J. M. Moar Fandiño. El limítase a ilustrala "literario-rosalianamente", é dicir, mediante textos en prosa e verso de Rosalía de Castro, escritora dunha obra, segundo el, profundamente autobiográfica.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org