Neste traballo Anxo Angueira mantén que a obra de Antonio Fernández Morales debe "remover de vez o inmobilismo con que a crítica literaria en Galicia (...) aparcou o estudo do século XIX". Tanto o "exilio" en que viu a luz como a súa pésima interpretación privaron os Ensayos poéticos en dialecto berciano de chegar a ser un dos alicerces do sistema literario galego.
A continuación, o autor ocúpase das liñas temáticas preferidas por Fernández Morales, comparándoas coas doutros autores, así como da súa lingua e do seu estilo.
En canto aos temas, Angueira exemplifica a poesía paisaxista; a costumista; a relixiosa e a poesía satírica, crítica e ideolóxica. Outra das compoñentes importantes é a alusión á situación política e cultural do Bierzo a respecto das súas relacións con Galicia e Castela.
No tocante á lingua e ao estilo do poeta do Bierzo, o seu estudoso valora o inmenso caudal léxico, a poesía narrativa, a axilidade nos diálogos, a riqueza de recursos e os trocos métricos.
Por último, Anxo Angueira sitúa a Fernández Morales como un poeta do Rexurdimento, a pesar da súa ausencia nos manuais modernos de literatura.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org