Completa panorámica da literatura galega no século XX a partir dun guión feito por Méndez Ferrín durante a súa estadía no cárcere, e re-escrita por Basilio Losada, con quen mantén correspondencia nesa altura. O artigo foi concibido para o público de Cuadernos para el Diálogo, unha revista cultural democristiá comprometida que se interesou por recoller a pluralidade ideolóxica e cultural que emerxía baixo o réxime franquista e, xa que logo, constituía unha ocasión excepcional para mostrar o esplendor da cultura galega e os distintos posicionamentos ideolóxicos e estéticos. Adianta a proposta de xeracións poéticas establecida por Méndez Ferrín na súa tese de doutoramento, publicada co título De Pondal a Novoneyra (1984).
Ábrese con consideracións sociolingüísticas que permiten entender cal é a posición de compromiso do escritor galego co idioma e a nación, e a seguir ofrécese un percorrido histórico pola literatura galega do século XX, por épocas e xéneros literarios, incluíndo unha completa listaxe de autores e obras. Destácanse aqueles que parecen máis decisivos, agás no caso dos grupos e correntes das que forman parte o propio Méndez Ferrín (Brais Pinto e Nova Narrativa Galega) e Losada (crítica galega), polo que é doado inferir unha proposta canónica.
Este artigo reeditouse en dúas partes: "Literatura en lengua gallega. Cómaros verdes, primer libro poético de la posguerra (Chan: 13, 1969, pp. 4-8) e "Literatura en lengua gallega. La Fundación de Galaxia, hito decisivo" (Chan: 14, 1969, pp. 4-6).
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org