Arquivo/Buscador
Ãndice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Fernán-Vello, Miguel Anxo (2001)
"Especulación da sombra"
3 minutos e 4 segundos





Descrición: Gravación pertencente ao volume Poetas e narradores nas súas voces, coordinado por Luísa Castro e publicado polo Arquivo Sonoro de Galicia (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2001).

Tipo de son: Audio creación

Formato: mp3

Fonte: Consello da Cultura Galega

Observacións:

ESPECULACIÓN DA SOMBRA

Certa luz abisal e un ar de sepelio de espellos esquecidos.

Non importa o frío do ceo na pel nin a lámpada azulada e metálica que contén o mar.

Despois da chuvia brilla o ollo escuro das árbores e a pedra prateada da tarde cae de súbito no silencio.

Entón unha estrela de frescura estala no sangue.

Acendeuse o inmenso escaparate da ausencia e os transeúntes foxen lentamente de si mesmos.

Porque é a hora dun breve labirinto nos ollos, o peso interior das casas que se leva no pensamento.

A liberdade ilumínase nun poro como a nudez regresada do vento, mais unha cor masculina de asombro morde calquer dozura última.

O pozo lentísimo que entra no corpo ten a lágrima fría dun norte de tellados negros e unha seiva que doe nas aldeas lonxanas: esa alma durísima contra o tempo.

Unha liña de claridade aínda no labio da distancia cando a soedade apaga a sede azul do crepúsculo.

Este é o intre da lentitude dun remuíño de dor nas esquinas onde unha lúa de cinza verte o seu alento.

Hai que sentir a fenda que sobe como un lóstrego de infinita paciencia polos muros da nosa memoria.

Velaquí a máquina das horas triturando o vacío. Un sabor na boca como unha alarma de acedas arxilas.

Cando no ar devala unha agonía de claridades mortas e medra nos ollos a flor estraña do abatemento.

O ruído do mar extínguese petrificado na lonxanía.

A cidade agora semella unha fotografía imprevista do misterio, ese oficio da sombra que fai tremer no ar o noso propio destino.


[As certezas do clima. A Coruña, Espiral Maior, 2000]

 

 

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org