Esta análise da poesía de Antonio Noriega Varela parte da existencia na súa produción de dous momentos diferenciados, un artellado arredor da publicación de Montañesas (entre 1904 e 1910) e outro focalizado en torno a Do ermo (entre 1920 e 1929), que permiten observar a evolución de pensamento do autor. Noutro plano, cuestiónase e proponse poñer en suspenso a noción de autor, por mor da incidencia que o sistema exerce nela. Isto faise xustamente a partir do caso de Noriega Varela, que o artigo propón estudar como varios Noriega diferentes. A partir dunha análise hermenéutica do título do poemario Do ermo, Manuel Forcadela suliña os que serían principais ideoloxemas da obra e céntrase no estudo de dous deles, interrelacionados. En concreto, os ideoloxemas de saudade e idilio. Así, considera o ermo como relato do fracaso do agrarismo galego e como metonimia do rural e valora as innovacións que o poemario achega, como aposta radical polo rural e o tradicional, ao desenvolvemento do idilio que fai a Xeración Nós. En canto á saudade, analisada a partir do poema "A musa queiruguenta", e remitindo ao uso rosaliano do tema, interprétase como síntoma dunha carencia (en clave lacaniana) pero tamén como mito e como constructo histórico-cultural que simbolizaría a crise agraria finisecular.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org