Viñeron @s mític@s. Unha sesión chea de poemas e poetas inesquecibles, revolucionarios, luminosos… Toda a esencia da poesía destilada, equilibrada pola transcendencia que impregna o acto poético.
Nestes tempos que empregamos a palabra mítico con asiduidade parece que perde forza, desmerece. Míticos só hai e haberá uns poucos elixidos.
Abrimos coa poeta Estíbaliz Espinosa namorada dos míticos do lonxano, do mecánico, do biónico. O universo poético de Estíbaliz é o máis extraterrestre da poesía galega. Vén de publicar coa fantástica editorial almeriense El Gaviero Papel a punto de, libro que recomendamos. Da súa voz escoitamos poemas de Wislawa Szymborska, Cesar Vallejo, Safo, Shakespeare, Avilés de Taramancos e dous propios, mentres os que acertaban os autores dos textos comían filloas.
O profesor, ensaísta e poeta Manuel Outeiriño -autor de versos antolóxicos que algunhas das que tivemos o privilexio de telo como profesor lembramos de memoria (Europa era unha vaca, / Europa era unha vaca que se perdeu, porque se puxo brava)- escolleu e comentou miticamente o libro Antipoemas de Celso Emilio Ferreiro, leu tamén a Curros e a Gabriel Ferraté. Chea de frases e xiros míticos foi unha intervención de alta potencia filosófica, asombro, actualidade política e memoria verdadeiramente histórica. Un luxo.
Pechamos con Manolo Cortés, ata hai moi pouco comandante da Sala Nasa, unha das travesías míticas na cidade. Actor e escritor, foi integrante do colectivo poético Ronseltz que nos anos oitenta desmitificou irreverentemente os nosos poetas inesquecibles. Con Chévere, a Nasa e as Ultranoites ao fondo convidamos a Manolo a participar nesta sesión que, unindo mítica e humor, recitou unha escolma de poemas de amor do citado colectivo, do seu libro A rutina é o deber de todas as criaturas e rapeou os míticos poemas sociais de Celso Emilio empregando unha Nintendo DS para inverter os fondos musicais de acompañamento cun éxito total de público.
[Do blogue Picaversos, 16/02/2012]
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org