Recensión do cuarto título de poesía deste autor que empezou publicando en 1993 en Venezuela o poemario Del amor y la memoria (reeditado en Cataluña), e seguiu cos volumes editados por AGAL, Palabra e memória (1997), Acarom da brêtema (1999), e este de 2004, que se comenta con termos da teoría do campo literario, de acordo coa liña de investigación do grupo Galabra da USC, no que se inscribe Joel R. Gômez. Todos estes libros teñen coherencia temática, coa solidariedade e o amor como asuntos centrais. O produtor vinculouse á Asociación coruñesa O Facho antes de residir fóra de Galicia, á que volveu finalmente para traballar como profesor e escritor que defende a liña do galego-portugués. Publicou tamén un libro de narrativa. De rica formación e coñecedor de múltiples técnicas e culturas literarias, Corral sitúase fóra do que se privilexia no campo literario galego nos últimos anos, e practica unha poesía destinada á comunicación e á construción e mellora da sociedade. O autor, tamén reintegracionista, reclama a entrada de Corral no campo literario galego, onde as “forzas dominantes” impoñen como índices de calidade literaria o éxito comercial, a imitación e os esencialismos, silenciando e condenando á marxinación este tipo de producións.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org