O autor delimita a "crítica vicaria" como aquela dirixida á identificación de prácticas de regulación / autorización directamente dependentes de abstraccións como o gusto, a tradición ou o espírito; ou mesmo de ideas normativas como fe, progreso, patria e outras. A creba do estruturalismo suscitou unha remuda dos tradicionais monólogos vicarios e dos automatismos teórico-críticos por unha crítica máis interactiva e autónoma. Asumir a nova situación favoreceu a aparición dun espazo de escritura crítica afastado dos perfís discursivos premoderno e moderno, nos que a cientificidade e o rigor académico foran percibidos como unívocos. Neste marco, e por aplicación directa á situación cultural galega, Casas postula a necesidade de prácticas e discursos teórico-críticos comprometidos co tempo histórico actual, favorecedores dunha crítica máis dialoxística, máis autorreflexiva e innovadora, máis plural en obxectivos e metodoloxías, consciente ademais do poder performativo da súa intervención. Para todo o cal defende unha necesidade inicial: a da superación dun horizonte de estudos críticos marcado polo monopolio das achegas sobre o par "autor-obra". A partir destas premisas analiza a situación da crítica galega en relación coas institucións, as revistas especializadas, os centros de estudos galegos no exterior, o mercado do libro, as editoriais e as condicións da celebración do Día das Letras Galegas. Tamén expón a necesidade de crear organismos institucionais centrados na proxección exterior da cultura galega e no estudo e análise do fenómeno literario en perspectiva cultural e comparada.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org