Despois de aludir ás diversas lecturas da obra de Rosalía de Castro e de botar en falta traballos sobre as contradicións e ambivalencias do seu discurso poético, Ana Bundgård valora Follas novas como unha obra híbrida (na temática e na forma) e exteriorista, posto que se vale de imaxes da realidade exterior para expresar o inefable. Bundgård rexistra en Follas novas tres discursos: lírico, filosófico-metafísico e mítico-máxico. Se o primeiro trata preferentemente a problemática da escritura e o suxeito establece unha dicotomía entre palabras e imaxes, o segundo discurso intenta dar resposta aos enigmas formulados no lírico e a súa lóxica transcende o binarismo. O terceiro, mítico-máxico, é de carácter antropolóxico-cultural de ton moralizante e didáctico ao disolverse o suxeito da escritura nunha voz colectiva.
Os tres discursos sinalados coinciden, para a investigadora, no proceso diexético con catro posicións: a de plenitude absoluta, onde hai identidade entre o eu e o outro; a de existencia onde o suxeito distingue entre o ben e o mal; a de caída, onde o suxeito está no mundo sen ser del; e a da cultura campesiña galega, onde se dan respostas aos enigmas e por iso a voz colectiva funciona como marco madrodiscursivo.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org