Investigación sobre as razóns polas que Manuel Curros Enríquez decidiu publicar na Habana entre 1894 e 1896 o semanario La tierra Gallega, vinculadas pola autora co proceso de construción identitaria galega e en simultaneidade co propio avance de Cuba cara á independencia. Estas dúas encrucilladas históricas son correlacionadas no artigo cunha toma de posición fronte ao anacronismo da colonización e coa aparición dunha conciencia poscolonial. Á vez, desenvólvese a partir de Homi Bhabha a idea do afastamento do lugar orixinal como tropismo da modernidade, que no caso da emigración galega favoreceu non obstante un reforzo dos relatos de identidade e en definitiva o agromar de importantes iniciativas de forte carga simbólica para o devir histórico posterior. Desde unha perspectiva metodolóxica, a plasmación da complexa relación triangular Cuba-Galicia-España a finais do século XIX (co apoio de sinalados emigrantes galegos á causa da independencia ou cando menos da autonomía da illa) dá pé á autora a postular a necesidade duns estudos transatlánticos que contribúan a favorecer a complementariedade das perspectivas europea e americana sobre problemas históricos que afectaron de modo desigual, pero tamén converxente, ás distintas comunidades implicadas nos procesos de descolonización, entre as cales se situaría a dos emigrantes galegos en Cuba.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org