Consideración crítica sobre o concepto de "valor literario", e sobre a canonización autorial correlativa, asociada á adscrición da obra en cuestión como próxima a algunha forma de vangarda. O narrador e ensaísta Xurxo Borrazás parte nesta análise das propostas críticas de Enrique Vila-Matas sobre a narrativa do uruguaio Mario Levrero. Anota as razóns polas que se produce unha ponderación en positivo desa produción e doutras semellantes que aparecen recorrentemente en Vila-Matas, e constata a seguir que o "valor" e o "gusto" están lonxe de constituíren en literatura, ou nas artes en xeral, simples parámetros estéticos. En realidade, argumenta, apóianse como elementos de clasificación na súa indisputábel condición política. A partir destas propostas, Borrazás examina outra variante do discurso crítico-avaliador, a consistente en asociar valor e vangarda. As conclusións conducen ao ensaísta a unha reserva nidiamente declarada: a vangarda non está onde adoito se sinala por parte de determinados discursos críticos, académicos ou non, orientados ao rescate de certos nomes esquecidos ou obliterados. Máis ben, sinálase, ese territorio a miúdo destacado por Vila-Matas e outros escritores e críticos pendentes do mesmo asunto é o dunha retagarda segura e sen risco apreciábel ningún. O rescate de poéticas minoritarias (tarefa coa que se identifica a produción crítica e ficcional de Vila-Matas) non constituiría de seu equivalencia ningunha cunha posición de vangarda crítica. Ademais, a vangarda non tería que ver nin coas escalas de recoñecemento/éxito nin coa proxección e presenza públicas de autores e obras, tampouco coa difusión asociada ao mercado. De feito, observa Borrazás, a vangarda nunca vence nin se impón no tempo propio; faino, se acaso, despois. A análise condúcese na parte fnal do ensaio ás condicións que se dan en Galiza neste plano. A posición de Borrazás, coincidente coa exposta noutros lugares da súa produción crítica, é que na cultura galega as boas maneiras dominantes e a inocuidade da produción literaria imposibilitan unha auténtica intervención de vangarda artística.
O equipo de poesiagalega.org deixa constancia do seu agradecemento ao Grupo Correo Gallego e en particular a Caetano Díaz, director de Galicia Hoxe, por facilitaren a reprodución deste e doutros números de "Revista das Letras". O agradecemento diríxese tamén a Antón R. López e Montse Dopico, coordinadores do suplemento, e faise extensivo aos xornalistas, técnicos e colaboradores do mesmo.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org