TONANTZIN
Renovado polo fume do copal
Entro no círculo
Concertado polas 7 direccións
Onde o mundo se asemella
Novamente a si mesmo
Iste é o meu movemento
O movemento que foi a orixe
O gatillo que me dispara
Alén ata o alén de min
Iste é o meu nacemento
Inacabado nacemento
O útero que me procrea
Sen deixar de concibirme
E eu danzo danzo danzo
Coma antes da existencia
Sabendo que o gran espectro
Dos seres que me arrodean
Anima unha soa vida
Os pés baten o chan
Invocando o seu substrato
O humus vindicativo
Que zumega do interior
As mans enfían o ar
Conforman todas as formas
Aprehendendo por un intre
A humildade do seu fluír
E eu danzo danzo danzo
Coma dentro de min mesmo
Sabendo que igual ca todo
Canto alenta niste espazo
Son o centro do creado
Son o centro do creado
Mais de socate as sementes
Das maracas se maian
As peles dos tambores
Se destensan de espanto
E unha man máis poderosa
Cá embriaguez conxurada
Cisca os danzantes
Polo firmamento
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org