Arquivo/Buscador
Ãndice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Regueiro, Arturo L. (2011)
"Blues da illa"
5 minutos e 4 segundos





Descrición: Interpretación do poema "Blues da illa", pertencente ao libro Galiza Cajun (2009), de Arturo L. Regueiro. Gravación: Chapela (Redondela), marzo 2011. Voces: Arturo L. Regueiro e Luís G. Cuntín. Petit Swing / Harry Navisson Band: Víctor Sánchez (clarinete), Cabe García (guitarra), Óscar Painceiras (contrabaixo), Miguel Lamas (batería). Equipo técnico: Roberto Lamas (son), Emilio Sestelo (iluminación), José Ángel Font (produción), Gus Abreu (realización).

Tipo de video: Vídeo creación

Fonte: YouTube

Metadatos: Regueiro, Arturo L.; Galiza Cajun; Cuntín, Luís G.; Petit Swing / Harry Navisson Band; Abreu, Gus; Lamas, Roberto; Sestelo, Emilio; Font, José Ángel.

Observacións:

BLUES DA ILLA

 

Oh my Avalon of the heart,
Goin’ down by Avalon
Gonna make a brand new start.
VAN MORRISON

 


Latexan en min os duros e virxinais vermes do odio.
Pertenzo a unha raza que só vive para a esmorga e a esmola.
Meu pai, de xenio feble e fermosura melancólica,
ciscou a súa semente en mulleres de doada grosura e acenos de loito.
Nunha delas, que sempre lembro a carón dos potes
rosmando polas cousas máis miúdas, tívome a min
a quen puxeron o nome dun rei cornudo da Fisterra
polo que sentín non poucas simpatías.
Eu nacín na rexa invernía que levou ao avó,
estragado e bébedo, tronzado polas rodas do tren.
Medrei lonxe e ceibo,
ignorante da insania que seguira a aquel nacemento.
Habitei gutural e sucio as fervenzas e as fragas,
cando a luz do día tiña saibo a mel de figos
e as noites a papas de fariña triga.
Medrei arrubiado polas corredoiras
cheas de pegadas de vellos asubiadores;
almorzando cuncas de viño con migallas de broa.
Habitei as mans lixadas de bosta selando os fornos,
os cabelos brancos da peneira e os salvados;
os pés descalzos en noites de farol entre o millo verde,
veráns arrecendendo a troitas afumadas na lareira.
Medrei, como digo, lonxe e ceibo, inocente e belido,
como un canciño canelo brincando polas eiras e cabanas.
Mais chegaron os días de cera e saias mouras.
Quixo o demo que meu pai ficara quedo
e naceran deste xeito as cobizas do burgués nos nosos espíritos.
Fun chamado ao seo do clan,
souben daquela apelido e saúdos, etiqueta e cerimonias;
podreceron en min os vellos alcumes e o acento
deixando entrar novos xeitos e verbos.
Pero sentín no meu lombo olladas que mancaban,
descubrinme diferente.
Veu entón a saudade dos niños nos carballos,
a infinda doenza do palleiro sen acordos,
prendeu a lama do desacougo
que me fixo camiñar na noite soidosa dos piñeiros,
rubir as ríspidas costas das rochas,
deitarme encoiro no van loiro dos penedos,
ollar nas tardiñas o paso pardo dos ríos.
Naquel cocho lodo que me fervía nos adentros
sentín por vez primeira o latexo da nespra,
o arelar doente do noxo.
Soñei un oco escuro e baleiro,
distante coma unha estrela,
el mesmo illa brillante e plena,
penedía imposible onde arribar sedento do naufraxio
e revivir co recendo das mazás na artesa,
co agarimo duns ollos da cor da cinza,
esa mesma cor do mar que agora bate neste peirao
do que zarpo cara á nova gaiola das apátridas distancias.

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org