Arquivo/Buscador
Ãndice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Regueiro, Arturo L. (2011)
"Coia 4"
2 minutos e 2 segundos





Descrición: Interpretación do poema "Coia 4", pertencente ao libro Galiza Cajun (2009), de Arturo L. Regueiro. Vídeo gravado en Chapela (Redondela), marzo de 2011. Voces: Arturo L. Regueiro e Luís G. Cuntín. Petit Swing / Harry Navisson Band: Víctor Sánchez (saxo), Cabe García (guitarra), Óscar Painceiras (baixo eléctrico), Miguel Lamas (batería). Equipo técnico de gravación: Roberto Lamas (son), Emilio Sestelo (iluminación), José Ángel Font (produción), Gus Abreu (realización).

Tipo de video: Vídeo creación

Fonte: YouTube

Metadatos: Regueiro, Arturo L.; Galiza Cajun; Cuntín, Luís G; Petit Swing / Harry Davisson Band; Abreu, Gus; Lamas, Roberto; Sestelo, Emilio; Font, José Ángel.

Observacións:

COIA 4

Unha noite quente
onde o pensamento é un castelo esmorecido.
O teu bico está húmido e pastoso coma o dun neno.
O corpo bambea bébedo,
desorientado nun ritual de escuridades;
latexa co ritmo das veas inchadas,
o devecer sen espazos para misericordias.
O corazón é un obxecto inútil,
unha porta ao deserto, un luxo.
A noite ferve,
ti non esperas tenrura,
ti medraches na rúa Marín.

 

Texto tomado do blog Libro de probas, de Arturo L. Regueiro (5 de novembro de 2011):

Hai 23 anos por estas datas aterraba en Vigo deixando atrás as miñas ilusións de ser alguén no mundo da radiodifusión ou da televisión galega. Cheguei ao barrio de Coia para dar clases de galego a nenos que eran a primeira xeración de vigueses, pero os seus devanceiros ficaban na Terra de Montes, ou na Terra do Pan de Cea, ou da Raia Seca. Rapaces que non lle tiñan xa moita estima ao idioma. A reconversión naval, o paro e o jaco eran horizontes máis cotiás. Ese foi o meu primeiro destino. Alí fiquei por 3 anos. Alí alentou madura xa a Galiza Cajun, no remate desa década arroutada, arriscada e presumida dos 80, da movida. Contaba noutro post que ao coche que teño o chamo Katrina porque mercalo supuxo renunciar a ir en Agosto do 2005 a Nova Orleáns. Digamos que o primeiro intento foi no 1990, cando vivía en Vigo e xunto cunha colega e amiga —por certo, agora aspirante a perder o seu escano nesa enchente de gaivotas que a demoscopia e as canles máis liberais da tdt auguran como furacán, lume purificador…— Dicía que en noites pijas do Woody’s e seráns riseiros polas rúas dos viños en Baiona, programamos unha viaxe desde Atlanta ata Frisco para aquel verán, pasando por Nova Orleáns como punto forte. Xusto cando tiñamos que mercar os billetes ela chegoume coa nova… de que atopara ao amor da súa vida. Con el segue a día de hoxe. Eu gastei os cartos en amañar o coche que daquela tiña logo de fundirlle o motor uns días despois de saber esta boa nova —para ela—. Agora que vou vello vexo que o Destino enviaba sinais. Pero eu estaba cego. E xordo. Mais non mudo. Tamén iso foi unha desgraza.

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org