Tese de doutoramento que estuda a figura de Ernesto Guerra da Cal nas súas vertentes biográfica, científica e literaria. Foi dirixida por Elias J. Torres Feijó e presentada na Universidade de Santiago de Compostela en 2009. En relación coa dimensión biográfica, o autor sinala a importancia central do exilio aos Estados Unidos sufrido por Guerra da Cal após a Guerra Civil. No que atinxe ao campo científico, no traballo repásase a súa traxectoria docente e investigadora na universidade norteamericana, inserida nos ámbitos do hispanismo e do lusitanismo, onde conseguiu un alto grao de consagración como renovador dos estudos sobre Eça de Queirós.
A respecto da súa produción literaria, centrada de forma practicamente exclusiva na creación poética e iniciada con anterioridade a 1936, Gómez fai fincapé en distintos factores que fixeron inestábel a posición de Guerra da Cal na historiografía literaria galega e dificultaron o seu recoñecemento: a condición de exiliado, o maior recoñecemento como investigador e a súa aposta polo reintegracionismo como opción ortográfica para a lingua galega. Son todos factores que, nalgunha medida, se considera que aparecen proxectados nos repertorios preferidos polo poeta na súa escrita.
O traballo inclúe, ademais, un extenso apartado documental, a modo de apéndice, onde se inclúen materiais de distinto tipo e procedencia (correspondencia, fotografías, documentos oficiais) vinculados á traxectoria de Guerra da Cal.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org