Consideración dos últimos anos da vida e da produción poética de Antonio Noriega Varela e da súa participación no debate político de preguerra. O traballo salienta que en coherencia coa liña ideolóxica mantida ao longo da súa vida, o poeta puxo a súa pluma ao servizo da causa dos sublevados contra a República. Fíxoo nunha serie de composicións en exaltación da Falanxe e do Xeneral Franco, utilizando para isto a lingua castelá. Négase, por contra, a existencia de textos bélicos en galego de Noriega Varela durante os anos da Guerra Civil. Neste contexto, o contributo fundamental sitúase en torno ao debate sobre a autoría dos “Xuicios do Ano” anónimos que en 1937, 1938 e 1939 incorporou como era tradición O Gaiteiro de Lugo. Fronte ás posicións defendidas por Xosé Filgueira Valverde, Xesús Alonso Montero e Claudio Rodríguez Fer, o autor cuestiona a posibilidade de que o seu autor fose Antonio Noriega Varela, quen anteriormente colaborara coa publicación e que o fixera amosando sen reparos unha posición antirrepublicana e antigaleguista. A negación da autoría de Noriega sostense na análise de factores de carácter lingüístico, métrico, estilístico e ideolóxico en relación cos tres textos referidos, que o propio traballo fornece como apéndice.
culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada
Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org