Arquivo/Buscador
Ãndice de autores/as e de títulos
Hemeroteca 2010-2014
Inicio > Arquivo > Ficha

Cabana, Darío Xohán (2000)
"Reboiras na lembranza"
1 minuto e 43 segundos



cabana_2000_reboiras.mp3 (.mp3 814 Kb)


Descrición: Gravación pertencente ao volume Poetas e narradores nas súas voces, publicado polo Arquivo Sonoro de Galicia (Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2000).

Tipo de son: Audio creación

Formato: mp3

Fonte: Consello da Cultura Galega

Dereitos: Consello da Cultura Galega

Observacións:

REBOIRAS NA LEMBRANZA

Paso a paso marchando
nos camiños da patria,
levamos na memoria
as alegres palabras
que Reboiras dicía
cando entre nós andaba.
Polos campos labrados,
polos peiraos e as fábricas,
sementamos as verbas
do noso camarada.
Ouh aquela canción
de vida e de esperanza,
ouh aquelas sorrisas
amigosas e cálidas,
ouh aquelas mans duras
no traballo forxadas,
afeitas a colleren
ferramentas e armas.
Terras do Val de Lemos
humildes e onduladas
que o mirastes pasar
ó noso camarada.
Rúas pinas de Vigo,
de Cangas, de Moaña,
casas traballadoras
que lle destes pousada,
dicídeme se non
queda a sombra cravada
nos carballos, nas lousas,
nas paredes das casas,
se non queda a súa vida
inmóbil na lembranza
dos barcos, dos peiraos,
das palleiras, das fábricas.
Anchos campos da terra,
común e doce patria,
dicídeme que a morte
do noso camarada
é pedra de futuro,
cimento de alborada,
roxa estrela, martelo,
fouce, bandeira, cántiga,
dicídeme que o vento
trae as súas palabras,
que o seu corpo baril
pervive nas montañas,
que non morreu Reboiras,
que está sempre na patria
contido na conciencia
do pobo que levanta
formacións de combate,
razóns de barricadas.
Dicídeme, congostras,
vales, chairas, montañas,
que está con nós pra sempre
cravado na lembranza
o capitán do pobo,
o altivo camarada.

 

 
 

culturagalega.org
Audiovisual | Música | Literatura | Banda deseñada

Subscríbete | Entra no teu perfil | Aviso legal | Licenza de uso | Contacto

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org